|

SOLIDARIDADE CO POBO PALESTINO ¡ Paremos ao terrorismo sionista! CONCENTRACIÓN Venres, 2 de Xaneiro ás 20.30 h. diante do Edificio Administrativo da Xunta (Praza de España - Ferrol). ¡Acude!
Colectivos convocantes polo momento. A Adhesión segue aberta:
ADEGA, Acsur-Las Segovias, A.VV Fontelonga, Briga, CIG., CNT, Comité Empresa Megasa Siderúrxica, EU, Fervesteiro, A.C. Fuco Buxán, Fundacion Artabria, NOS-UP, Plataforma Artabra 21, Sindicato Comarcal das CCOO, Unión Libertaria, Axuda en Acción Ferrol, Solidaridad Internacional, ONG LENA, VERDEGAIA, Libraría Limiar, ... MANIFESTO DA CONVOCATORIA Diante da criminal agresión que o Goberno israelí está a perpetrar contra a indefensa poboación palestina ao través do seu exército, un dos máis poderosos do planeta, queremos condear a violencia do terrorismo sionista que leva causados ao redor de trescentos mortos e preto dun milleiro de feridos na franxa de Gaza nos ataques dos últimos días e que ameaza con desencadear unha invasión terrestre sobre ela.
Queremos expresar a nosa máis profunda solidariedade co pobo palestino, que segue a sofrir nestes días, como hai xa máis de corenta anos, a crueldade dunha ocupación, que se agrava co corrrer dos días e dos anos e que arroxa datos pavorosos ( 65% de desemprego en Gaza, a desnutrición en máis do 60% dos nenos e nenas, o colapso da case totalidade das fábricas instaladas no territorio, en suma, unha situación onde o 80% da poboación malvive por debaixo do umbral da pobreza ).
Queremos facer constar a noso respaldo ao millón e medio de persoas que habitan en condicións infrahumanas a franxa de Gaza e o conxunto do pobo palestino, que sostén na terra de Palestina coa súa vida e traballo a arela dunha vida en paz e liberdade cun Estado propio e libre.
Son a solidariedade e o internacionalismo os móbiles que nos botan á rúa a esixir das poderes públicos da Xunta de Galicia e do Goberno do Estado un pronunciamento nidio e acompañado de feitos certos que coadxuven o cesamento do terrorismo sionista e a prol dos dereitos do pobo palestino. Demandamos, pois, que se deteñan os bombardeos sobre Gaza e que se levante o bloqueo da franxa. Consonte elo reclamamos: - A chamada a consultas do embaixador español en Israel. - Que a Xunta de Galicia faga un pronunciamento institucional de condea coas agresións e solidariedade co pobo palestino. - Que o Goberno do Estado reclame na a suspensión do acordo de asociación con Israel vixente, acolléndose o artigo segundo do devandito acordo, que contempla esta posibilidade diante de vulneración dos dereitos humanos. - Que a Xunta de Galicia e o Goberno do Estado demanden da ONU o cumprimento das resolucións ( 194 e 242 ) emanadas da súa Asemblea Xeral no senso de conquerir a devolución dos territorios ocupados e a creación dun Estado palestino libre e viable. |